Os sete erros máis comúns á hora de reciclar
Lámpadas, cristais, cepillos de dentes ou cueiros son algúns dos produtos que máis dúbidas expoñen aos consumidores á hora de separar residuos
A teoría básica é moi sinxela: envases ao colector amarelo (latas, botellas de plástico, briks…); papel e cartón (e os envases feitos con estes materiais) ao azul; vidro ao iglú; os restos orgánicos ao verde e todo o demais ao colector gris de restos ou ao punto limpo. Na práctica, con todo, os produtos que refugamos teñen usos e composicións que non sempre encaixan con esas categorías, e a decisión de separar no fogar e depositar nun cubo ou outro acaba sendo unha cuestión de instinto que moitas veces lévanos a erro. Que se nos rompe un vaso, pois ao iglú do vidro. Que limpamos unha superficie con papel de cociña; ao acabar, alá que se vai ao azul. Que o cepillo de dentes está inservible; como é de plástico, ao amarelo. E en todos estes casos a intuición traizóanos. Acertar é un pouco máis fácil se conseguimos evitar os erros máis comúns. Estes son:
1. Louza, cerámica e cristal
Vidro e cristal non son o mesmo, nin tampouco o vidro ten que ver coa louza ou a cerámica. Por iso, cando se nos rompe un vaso ou un prato o seu destino non pode ser o mesmo que o do tarro de marmelada ou a botella de viño. Tanto os cristais rotos como a louza e a cerámica deben tirarse ao colector de restos (o gris ou verde no caso de Sogama e o amarelo no modelo de Nostián e Barbanza) ou, mellor aínda, ao punto limpo.
2. As bombillas
Os envases que as conteñen deben reciclarse de forma separada (o plástico ao colector amarelo e o cartón ao azul) e as lámpadas deben levar ao punto limpo para o seu correcto tratamento porque están compostas de vidro, metal e compoñentes que poden resultar moi tóxicos, como o mercurio. Algúns establecementos de venda tamén se encargan da recollida destes elementos, para o seu posterior tratamento en puntos limpos. En Galicia funciona o SIG Ambilamp, que dispón de puntos de recollida en todas as provincias.
3. Os produtos sanitarios e de hixiene
Onde se tiran os bastoncillos e os discos desmaquillantes de algodón? E as toallitas húmidas? E os preservativos? Os materiais cos que están feitos cada un destes artigos desaconsellan arroxalos ao colector amarelo dos envases. O seu destino máis adecuado é o colector gris, de restos. O mesmo ocorre cos cueiros, que adoitan tamén acabar no amarelo, cando o seu destino correcto é o gris.
4. Papel de cociña usado
O papel ao colector de papel? Depende. Se se trata de papel de cociña e está usado non é adecuado para a reciclaxe e deberá depositarse no colector de residuos orgánicos. O mesmo ocorre cos tapóns de cortiza das botellas. O seu destino é o dos restos orgánicos.
5. Cepillos de dentes e maquinillas de afeitar
Estos artigos están feitos no seu maior parte de plástico, pero o seu destino non é o colector amarelo. O máis conveniente para desfacerse deses residuos é deixalos no colector dos restos porque non se trata de envases e na súa composición inclúense outro tipo de materiais que non poden tratarse nas plantas de reciclaxe.
6. Cubos de plástico e xoguetes
Cubos de plástico e xoguetes tamén de plástico. Ao colector amarelo? Esa é a resposta que dan moitos consumidores, pero como no caso anterior a súa composición leva a engano e o seu destino final non debe ser o dos envases. O mellor lugar para depositalos é o punto limpo e, na súa falta, o colector de restos.
7. Briks e bandexas de comida
Os briks son indiscutiblemente envases e o seu destino é o colector amarelo, pero en ocasións a súa composición (cartón, aluminio e plástico) despista aos consumidores e moitos destes residuos acaban no colector azul de papel e cartón. Coas bandexas de poliestireno que se empregan para servir e transportar produtos de alimentación ocorre o mesmo. O seu lugar é o colector amarelo.
Vía: La Voz de Galicia
Voltar o listado