O punto limpo sumou 461 entradas no mes de marzo

As cifras de entregas rexistradas no centro de depósito de residuos do Punto Limpo, localizado no polígono do Milladoiro, amosan novamente o compromiso da veciñanza amesá co medio ambiente. No mes de marzo, producíronse 461 entradas de materiais diferentes aos que se depositan nos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser e apoiado polo inciativa Tropa Verde.

Fdc8cff70bd4824c8b5ab21cb125779c9eb62acf
Ao longo de marzo, foron 461 as persoas que se achegaron ata o Punto Limpo, co obxectivo de depositar alí todo tipo de residuos, facilitando así a súa xestión e evitando o seu depósito de xeito incontrolado. Desta maneira, as veciñas e veciños de Ames demostraron, un mes máis, a súa preocupación medioambiental, o que se vén reflectindo nas cifras rexistradas desde a súa posta en marcha no mes de xaneiro de 2007. 

Deste xeito, en marzo, a veciñanza amesá entregou no Punto Limpo 2386 quilos de equipos electrónicos, 100 quilogramos de envases baleiros contaminados e 150 quilos (21 unidades) de pneumáticos. De igual maneira, tamén foron entregadas no Punto Limpo 42 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 90 quilos (6 unidades) de baterías de chumbo, 2 quilogramos (70 unidades) de pilas e 3 unidades de aerosois. 

Así mesmo, tamén se depositaron neste punto os entullos procedentes de obras menores, que sumaron 30 metros cúbicos, aos que se sumaron 20 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 60 de madeira, así como 60 quilogramos de pintura. A veciñanza amesá tamén achegou, durante o mes de marzo, 42 litros de aceites vexetais e outros 94 de aceite de motor. Neste mes, o punto Limpo tamén recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto

O Punto Limpo é un espazo no que as veciñas e veciños de Ames poden deixar aqueles obxectos e materiais que non deben ser depositados nos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro e papel. O espazo atópase situado na rúa das Hedras, no polígono do Novo Milladoiro.

O horario de apertura é de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas, de luns a venres. Os sábados, o horario é de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00 horas. Ademais, as persoas que teñan calquera dúbida en relación ao Punto Limpo poderán chamar ao número de teléfono 981 536 688, mentres que se queren solicitar a recollida de voluminosos e obxectos a domicilio terán que contactar a través do número 981 191 240.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos e capacitado para recibir os residuos das persoas censadas en Ames, que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para as veciñas e veciños do concello. O Punto Limpo ten como obxectivos favorecer a separación de residuos en orixe, contribuír á reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos, así como participar na loita contra os vertidos incontrolados.

Tropa Verde

A Tropa Verde é unha plataforma multimedia que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía premiando de forma directa as boas accións medioambientais. A web www.tropaverde.org conecta os tres elementos necesarios para conseguir dito obxectivo: a cidadanía; os lugares onde os cidadáns e cidadás poden depositar residuos e onde lle entregarán os cheques da Tropa Verde; e aqueles comercios e establecementos de hostalaría que colaboran aportando agasallos e/ou descontos.

O funcionamento é moi sinxelo: cada vez que calquera cidadán deposite un residuo (nos lugares que se indican no apartado "Gaña estrelas" da web) recibe un cheque con estrelas (puntos). Esas estrelas pódeas ir acumulando na súa conta para trocalas por descontos e agasallos que aparecen no apartado "Recompensas". As recompensas apórtanas os comercios e establecementos de hostalaría que colaboran como patrocinadores da plataforma.

Vía: Concello de Ames
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando