O Punto Limpo de Ames rexistrou preto de 500 entradas

Das achegas feitas ao longo do mes de decembro destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 2.891 quilogramos

7077a538353629eb8b6b522efdf9dc37c1cd7cd1
O centro de depósito de residuos do Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro, continúa a rexistrar uns magníficos datos que amosan a concienciación da cidadanía amesá co medio. No mes de decembro, 492 usuarios fixeron uso deste servizo. 

Das achegas feitas ao longo do pasado mes destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 2.891 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

As veciñas e veciños de Ames continúan a mostrar o seu compromiso co medio ambiente, a través da correcta xestión dos residuos que non van nos colectores convencionais. Así, no pasado mes de decembro alcanzáronse as 492 visitas.

Durante o pasado mes, as veciñas e veciños de Ames entregaron 2.891 quilos de equipos electrónicos, 100 quilogramos de envases baleiros contaminados e 950 quilos, que corresponden a 118 unidades, de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. 

Asemade, tamén se entregaron 54 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 225 quilos correspondentes a 9 unidades de baterías de chumbo, 300 pilas cun total de 9 quilogramos de pilas e 22 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron, pola súa banda, 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 20 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 60 de madeira, así como 67 quilogramos de pintura. A veciñanza do concello tamén achegou 82 litros de aceites vexetais e outros 48 de aceite de motor.

O Punto Limpo tamén recolleu, durante o último mes do ano, 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Tropa Verde

A Tropa Verde é unha plataforma multimedia que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía premiando de forma directa as boas accións medioambientais. A web www.tropaverde.org conecta os tres elementos necesarios para conseguir dito obxectivo: a cidadanía; os lugares onde os cidadáns e cidadás poden depositar residuos e onde lle entregarán os cheques da Tropa Verde; e aqueles comercios e establecementos de hostalaría que colaboran aportando agasallos e/ou descontos.

O funcionamento é moi sinxelo: cada vez que calquera cidadán deposite un residuo (nos lugares que se indican no apartado "Gaña estrelas" da web) recibe un cheque con estrelas (puntos). Esas estrelas pódeas ir acumulando na súa conta para trocalas por descontos e agasallos que aparecen no apartado "Recompensas". As recompensas apórtanas os comercios e establecementos de hostalaría que colaboran como patrocinadores da plataforma.

Vía: Compostela 24 horas
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando