O Concello explica o proxecto "Tropa verde" na xornada "Cooperación local no emprego e sustentabilidade", celebrada en Madrid
Xornada para debater sobre un obxectivo común: o fomento do desenvolvemento local sustentable e seleccionada como un dos eventos paralelos (side event) da COP25, o Cumio do Clima, enmarcada no seu eixo "Castellana verde"
O Concello de Santiago de Compostela presentou, na xornada "Cooperación local no emprego e sustentabilidade" celebrada en Madrid, o proxecto Tropa Verde, unha plataforma web creada pola empresa Teimas Desenvolvemento que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, premiando de xeito directo as boas accións medioambientais. Para iso son necesarios tres elementos: a cidadanía, os espazos onde depositar os residuos, nos que premiarán estas boas prácticas con cheques-agasallo; e os comercios e establecementos de hostalería que colaboran aportando premios e/ou descontos.
Explicouno a técnica de Promoción Económica, Carme Casado. A través do proxecto Tropa Verde, que desenvolve a Concellaría de Medio Ambiente, Santiago lidera unha das 25 redes de transferencia do programa europeo Urbact III 2014-2020: a de intercambio de aprendizaxe para o desenvolvemento urbano sustentable e integrado.
A xornada, celebrada no salón de actos do Ministerio de Traballo, en Madrid, é o primeiro acto conxunto da Rede de Territorios Socialmente Responsables (RETOS), a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local (REDEL), á que pertence Santiago, e o Foro de Cidades polo Emprego. Asistiron 120 persoas para debater sobre un obxectivo común: o fomento do desenvolvemento local sustentable.
Despois da inauguración, na que, entre outras autoridades, participou Yolanda Valdeolivas, secretaria de Estado de Emprego; realizáronse varios relatorios e expúxose a situación das tres redes e as súas perspectivas de futuro, abríndose unha quenda de debate entre as persoas asistentes coa finalidade de potenciar o traballo conxunto e a complementariedade entre as actividades desenvolvidas.
A sesión da tarde, coa participación dos membros de RETOS e REDEL, centrouse na economía circular aplicada á xestión local, con catro casos concretos: o proxecto Tropa Verde, do Concello de Santiago; o proxecto de reutilización de aceite da empresa de inserción Otro Tiempo, Otro Planeta"; o Circular Weekend, de Xixón Impulsa; e o proxecto ReutilizaK, da asociación cultural Lakalle.
Esta xornada foi seleccionada como un dos eventos paralelos (side event) da COP25, o Cumio do Clima, enmarcada no seu eixo "Castellana verde".
Vía: Concello de Santiago
Voltar o listado