O concello de Ames pon en marcha unha campaña para concienciar e informar á veciñanza sobre a recollida de voluminosos e a utilización do Punto Limpo

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu onte a presentación dunha campaña para informar e concienciar á veciñanza sobre a recollida de voluminosos e a utilización do Punto Limpo. Ante a proliferación de residuos ao carón dos colectores de lixo, en determinados puntos do concello, así como en camiños e montes do rural, dende o goberno local impulsan unha serie de accións encamiñadas a construír un concello máis limpo. Así, ás medidas que xa se foron adoptando nos últimos tempos, únese agora unha campaña que será difundida a través das redes sociais co ánimo de apelar á sensibilidade, responsabilidade e civismo dos veciños e veciñas de Ames.

Aa4e492771cced273a6c599c92f0f6d62810af39
Baixo o lema “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes”, os concelleiros de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, Javier García, presentaron unha campaña de concienciación sobre a necesidade de utilizar o Punto Limpo e optar pola correcta recollida de voluminosos. Na presentación tamén estivo presente Mariví Arufe, técnica de Medio Ambiente, ademais da deseñadora da campaña, Mónica Fernández. 

A través de catro carteis con fotos reais, o Concello de Ames amosará en redes sociais as imaxes que se veñen repetindo en varios puntos do municipio nos últimos tempos: xoguetes ao carón dun colector, un colchón tirado nun camiño, equipos electrónicos ao carón do lixo convencional... unha práctica que, ademais de xerar un gasto para a Administración local, diminúe a capacidade de traballo da brigada medioambiental, encargada de proceder á recollida dos enseres cando non foi concibida para tal fin. Ademais, a campaña complétase cun vídeo no que se apela á necesidade de coidar o medio ambiente facendo un bo uso dos colectores e do Punto Limpo. 

Sinais informativos
O Concello de Ames procedeu á colocación de dez paneis informativos en diferentes localizacións do municipio onde proliferaban os residuos ao carón dos colectores de lixo. Nos paneis infórmase da prohibición de tal práctica, ademais das sancións económicas que pode carrexar. Asemade, pódense ver tamén os números de teléfono do Punto Limpo (981536688) e da empresa FCC (981191240), encargada de proceder á recollida dos voluminosos. A intención do goberno local é a de proceder á colocación de máis paneis informativos noutras localizacións do concello. 

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, apelou na presentación á “sensibilidade, responsabilidade e concienciación da veciñanza ante un problema que ademais de xerar un gasto ao Concello ten repercusións negativas no medio ambiente. Queremos informar e concienciar sobre a necesidade de utilizar o Punto Limpo e de chamar para a recollida dos voluminosos, porque non todo cabe nos colectores de lixo convencionais”. 

Na mesma liña falou o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, Javier García, quen destacou que “aparte do dano medioambiental estanse a consumir unha serie de recursos que son moi necesarios para o concello, xa que a brigada de Medio Ambiente ocupa moito do seu tempo na recollida dos voluminosos e non foi concibida para tal fin. Case pasamos a formar parte do problema, porque a xente mal acostumouse a que se proceda á retirada dos residuos nos puntos onde os está a botar. Apelamos ao civismo da cidadanía para construír un concello máis limpo”.

Como ser parte da comunidade Tropa Verde 

Tropa Verde axuda ao Concello de Ames incentivando os cidadáns para que reciclen máis e mellor. 

Formar parte da Tropa Verde é moi sinxelo. As persoas que queiran participar desta iniciativa teñen que darse de alta como usuarias a través da web www.tropaverde.org ou na páxina de Facebook de Tropa Verde Ames. Unha vez cumprido este trámite pasarán a formar parte desta iniciativa, polo que cada vez que leven os seus residuos ao Punto Limpo do Milladoiro, obterán un cheque cun código que deberán introducir na mesma web. Será entón cando reciban uns puntos, chamados “estrelas”, que poderán trocar por produtos e descontos no comercio e na hostalería local.

Tamén se poden conseguir puntos “estrelas” depositando residuos nos tres Mini-puntos limpos que están situados na avenida da Maía, en Bertamiráns, e na rúa Travesa do Milladoiro. Neste caso hai que sacar unha fotografía depositando ditos residuos nos Mini-puntos limpos de Ames e enviala ás redes sociais da Tropa Verde ou ao enderezo info@tropaverde.org. Nestes pequenos puntos pódense depositar: CDs e DVDs, cartuchos de impresora, teléfonos móbiles e cargadores, aparellos eléctricos e electrónicos, pilas ou bombillas baixo consumo led. Depositando aquí os residuos conséguese un cheque de 30 estrelas.

A terceira opción para conseguir puntos “estrelas” é chamar ao servizo de recollida de voluminosos e enseres a domicilio. Para dispor deste servizo, a cidadanía ten que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40 e deixar o voluminoso que queira reciclar xunto a un colector que estea preto da súa vivenda. Deste xeito, conséguese un cheque de 30 estrelas. Para iso débense deixar os datos cando se chame ao servizo de recollida para facer chegar, vía correo electrónico ou a través do correo postal, o devandito cheque.

Asemade, dende o Concello están estudando novas formas de poder conseguir puntos “estrelas” con outras acción de reciclaxe e tamén ampliar os premios dos que se poderán beneficiar as veciñas e veciños. A web da Tropa Verde irase actualizando segundo se incorporen colaboradores e lugares onde acadar cheques. Todos os establecementos colaboradores están identificados cun adhesivo na porta.



Vía: Concello de Ames
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando