Baixo o lema “Tirar toalliñas ao WC PASA [á] FACTURA. As toalliñas á PAPELEIRA!”, os concelleiros de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, presentaron unha campaña de sensibilización para deixar de tirar as toalliñas polo WC. En dita presentación estiveron acompañados de Rosa Blanca Rodríguez, administradora solidaria, e Juan Somoza, director de servizos, ambos da empresa Espina & Delfín, adxudicataria do servizo municipal do ciclo integral da auga. Tamén acudiu a este acto a deseñadora da campaña, Mónica Fernández.
O uso indebido das toalliñas en particular, e todos os pequenos plásticos que se tiran ao váter no día a día, non só pasan factura medioambiental senón que tamén teñen repercusión no peto do cidadán. Segundo un estudo realizado pola empresa Espina y Delfín, o Concello de Ames gasta 114.000 euros ao ano en avarías producidas polo uso inadecuado das toalliñas (37.000 euros en traballos de desatascos na rede de saneamento, 29.000 euros en bombeos e 48.000 euros en labores de limpeza de depuradoras). Así, os cartos que van destinados a intentar solucionar este problema non poden inverterse noutras partidas. De aí o lema da campaña, xa que as toalliñas pasan factura ao medio ambiente e pasan á factura, polos gastos que lle ocasionan ao Concello e ao cidadán de xeito indirecto.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “se decidiu enfocar a campaña dende un punto de vista positivo e informativo, orientado a concienciar aos usuarios/as do dano que pode ocasionar o mal uso das toalliñas, a necesidade de tiralas á papeleira en lugar de ao inodoro, e unhas pautas de como deben usarse, tendo en conta que non son biodegradables, polo menos non a curto prazo”. Campaña educativa e de concienciación social
Deste xeito, esta campaña, que se divide en dúas partes principais, incide na concienciación de non tirar residuos ao váter senón á papeleira. Así, a primeira parte está centrada na difusión, para o que se espera contar coa colaboración dos establecementos hostaleiros, supermercados e negocios onde a xente poderá ver varios tipos de carteis explicativos, onde se informa a cidadanía sobre o ciclo da auga, así como o gasto e uso das toalliñas.
Por outro lado, a educación aos máis pequenos tamén ocupará un lugar importante. A través de carteis ilustrativos, actividades e charlas didácticas, nas que colaborarán técnicos de Espina y Delfín, que irán polos colexios, buscarase que os máis pequenos tamén coñezan o ciclo da auga, a importancia deste elemento e o uso correcto das toalliñas. O que pretende esta campaña é que incida nas novas xeracións. Así, búscase que dure e permaneza no tempo a través da concienciación.
O concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, manifestou que “dende o punto de vista medio ambiental hai que lembrar que as toalliñas non son biodegradables, polo que se se tiran polo váter acaban nos ríos, e posteriormente acaban no mar. Se facemos un mal uso desta toalliñas, estamos contribuíndo a contaminar o medio fluvial e mariño. Isto ao igual que os microplásticos acaban afectando as especies mariñas e súa cadea alimenticia. Para cambiar os malos hábitos o primordial é a educación dos nenos e nenas”.
Nesta mesma liña expresouse a administradora solidaria de Espina y Delfín, Rosa Blanca Rodríguez, que dixo que “Espina y Delfín é unha empresa que acaba de cumprir 40 anos dedicada a xestionar servizos de auga municipais. Construímos 60 depuradora e xestionamos outras tantas. Damos servizo a máis e 600.000 persoas repartidas en 51 concellos, polo que sabemos moi ben o que entra nas redes de abastecemento e nas depuradoras. Unha das nosas liñas de traballo está enfocada a preservación do medio ambiente, polo que temos que tratar de concienciar á cidadanía da problemática que ocasiona o deposito destas toalliñas na rede de abastecemento. Debido a iso é necesario evitar que se tiren polo inodoro, e para iso, como xa se dixo anteriormente, é fundamental a educación da mocidade”.