Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, dous representantes da empresa Teimas Desenvolvemento, entidade que desenvolve dito proxecto, unha técnica da Concellaría de Medio Ambiente e un técnico municipal da Concellaría de Promoción Económica, estiveron nas instalacións do Punto Limpo do Milladoiro para presentar o proxecto Tropa Verde.
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “se trata dunha campaña transversal na que están involucrados varios departamentos municipais como son o de medio ambiente, servizos básicos e o de comercio. Xa hai 63 establecementos comercios involucrados neste proxecto e agardamos que sexan moitos máis os que se sumen a dito proxecto. O obxectivo principal que persegue esta campaña é o de fomentar a reciclaxe entre a veciñanza amesá e que a cidadanía se conciencie de que debe ser respectuoso co medio ambiente. Para iso vaise a premiar a todas aquelas persoas que reciclen con diferentes premios que se poderán canxear nos establecementos comercias adheridos a esta campaña”.
A Tropa Verde é unha plataforma multimedia que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía premiando de forma directa as boas accións medioambientais. A web www.tropaverde.org conecta os tres elementos necesarios para conseguir dito obxectivo: a cidadanía; os lugares onde os cidadáns e cidadás poden depositar residuos e onde lle entregarán os cheques da Tropa Verde; e aqueles comercios e establecementos de hostalaría que colaboran aportando agasallos e/ou descontos.
O funcionamento é moi sinxelo: cada vez que calquera cidadán deposite un residuo (nos lugares que se indican no apartado "Gaña estrelas" da web) recibe un cheque con estrelas (puntos). Esas estrelas pódeas ir acumulando na súa conta para trocalas por descontos e agasallos que aparecen no apartado "Recompensas". As recompensas apórtanas os comercios e establecementos de hostalaría que colaboran como patrocinadores da plataforma.
Faite usuario da Tropa Verde
O proceso para participar nesta campaña e formar parte da Tropa Verde é moi sinxelo. Os participantes teñen que darse de alta como usuarios/as a través da web
www.tropaverde.org ou na páxina de
Facebook de Tropa Verde Ames. Unha vez cumprido este trámite pasarán a formar parte desta iniciativa. Cando leven os seus residuos ao Punto Limpo do Milladoiro, obterán un cheque cun código que deberán introducir na mesma web. Entón, recibirán uns puntos, chamados “estrelas”, que se poderán canxear por produtos e descontos no comercio e na hostalería local.
Tamén se poden conseguir puntos “estrelas” depositando residuos nos tres Mini-puntos limpos que están situados na avenida da Maía, en Bertamiráns, e na rúa Travesa do Milladoiro. Neste caso hai que sacar unha fotografía depositando ditos residuos nos Mini-puntos limpos de Ames e enviala ás redes sociais da Tropa Verde ou ao enderezo info@tropaverde.org. Nestes pequenos puntos pódense depositar: CDs e DVDs, cartuchos de impresora, teléfonos móbiles e cargadores, aparellos eléctricos e electrónicos, pilas ou bombillas baixo consumo led. Depositando aquí os residuos conséguese un cheque de 30 estrelas.
A terceira opción para conseguir puntos “estrelas” é chamar ao servizo de recollida de voluminosos e enseres a domicilio. Para dispor deste servizo os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40 e deixar o voluminoso que queren reciclar xunto a un colector que estea preto da súa vivenda. Deste xeito, conséguese un cheque de 30 estrelas. Para iso débense deixalos datos cando se chame o servizo de recollida para facer chegar vía correo electrónico ou a través do correo postal o devandito cheque.
Asemade, dende o Concello están estudando novas formas de poder conseguir puntos “estrelas” con outras acción de reciclaxe e tamén ampliar os premios dos que se poderán beneficiar os veciños e veciñas. A web da Tropa Verde irase actualizando segundo se incorporen colaboradores e lugares onde acadar cheques. Os establecementos colaboradores estarán identificados cunha pegatina na porta.
63 establecementos colaboradores
A Tropa Verde está a ter unha excelente acollida entre os comerciantes, xa se conta cunha rede de máis de 63 establecementos colaboradores. As recompensas que reciben os bos recicladores inclúense en oito categorías distintas: hostalería, comercio, cultura, concello, deporte, saúde, infantil e estética. Entre elas pódense atopar dende hamburguesas ata descontos en tendas de moda, pasando por colaboradores que regalan masaxes, batidos, cup-cakes, palomitas, consultas, etc. Existen preto de 900 recompensas e descontos por un valor de 2.500 euros.
Tal e como explicaron dende a empresa Teimas Desenvolvemento esta campaña xa se está desenvolvendo dende o pasado 23 de xaneiro e a pesar de non publicitala ata o de agora xa dispón de 35 usuarios/as e 25 recompensas trocadas (algunhas das recompensas ofertadas xa se esgotaron).