A reciclaxe continúa a ter premio en Ames da man da Tropa Verde
Desde o pasado marzo, a reciclaxe en Ames ten premio grazas á plataforma multimedia Tropa Verde. O obxectivo desta iniciativa é o de fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, premiando de forma directa as boas acción medioambientais. Na actualidade, a iniciativa conta con 420 persoas usuarias, 100 recompensas trocadas, 65 establecementos adheridos, 400 cheques trocados por estrelas e 1.500 accións ambientais premiadas con cheques da Tropa Verde. Ademais, entre as accións realizadas pola Tropa Verde sobresaen a Procura do Tesouro, unha actividade para toda a familia que repartiu tres premios, e a acción de rúa de agasallo de plantas en Bertamiráns e Milladoiro.
Aínda que a Tropa Verde está dispoñible para o público desde o pasado marzo, a súa posta en marcha iniciouse no mes de xaneiro, co deseño da páxina web, a creación das redes sociais e a captación de establecementos colaboradores. Unha vez realizado este traballo, puxéronse en marcha diferentes iniciativas a pé de rúa. Unha delas foi a acción nomeada Procura do Tesouro. Unha actividade organizada para toda a familia, que repartiu tres xogos científicos entre as crianzas gañadoras. A Procura do Tesouro incluíu probas relacionadas co medio ambiente e, especialmente, coa reciclaxe como foron unir o residuo co colector correspondente, contestar unhas preguntas ou resolver unha sopa de letras.
Outra das actividades realizas a pé de rúa, co obxectivo de aumentar o número de persoas usuarias, foi a entrega de plantas tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Durante o reparto, tamén se entregaron chapas da Tropa Verde Ames, panfletos con información e estrelas (para acumular e trocar por agasallos e descontos). Ademais, tamén se aproveitou para informar ás persoas interesadas acerca das vantaxes que ofrece a comunidade Tropa Verde. No total, foron un centenar o número de plantas agasalladas e aquelas que sobraron das reparticións foron doadas á Aula da Natureza de Ames.
Desde a Tropa Verde tamén se veñen realizando ao longo destes meses publicacións semanais de noticias, publicidade dos establecementos colaboradores tanto na páxina web da Tropa como nas redes sociais, envío de cheques con estrelas ás usuarias e usuarios que envían fotografías reciclando, chamadas mensuais ás persoas usuarias do Servizo de Recollida de Voluminosos para regalarlle estrelas e facelas usuarias da Tropa Verde, así como melloras na páxina web para tornar máis rápida e sinxela a participación.
O obxectivo principal da Tropa Verde é concienciar á cidadanía da importancia da reciclaxe e da correcta xestión dos residuos, ao tempo que se potencia o comercio local. A súa páxina web é en si mesma un modo sinxelo de consultar onde, cando e que levar aos puntos habilitados para a recollida de residuos. A iniciativa realiza unha labor especialmente activa tanto no apartado de noticias da súa web, como nos seus perfís de redes sociais.
Accións futuras
Con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, que terá lugar entre o 18 e o 26 de novembro, a Tropa Verde realizará unha acción de viralización nas redes sociais de busca de xente reciclando, que incluirá un sorteo de premios. Posteriormente, tamén se difundirá un vídeo explicativo sobre o funcionamento da Tropa Verde cun sorteo no que estarán as persoas que o compartan nas redes socias. Do mesmo xeito, tamén se desenvolverán accións de telemarketing para o aumento do número de establecementos colaboradores e de persoas usuarias ou coñecedoras da iniciativa.
As accións futuras compleméntanse cun buzoneo sobre información da Tropa Verde e coa creación dun “adhesivo da tropa” para poñer nos minipuntos limpos. Ademais, tamén se deseñarán carteis específicos e promocionais para a súa entrega no punto limpo, en asociacións, no Concello e en diferentes establecementos. De igual maneira, continuaranse a organizar as accións propias da Tropa Verde, como son a publicidade dos establecementos colaboradores, a realización de contido para a web e o seguimento dos cheques entregados e das recompensas trocadas, así como o mantemento da programación das accións de rúa, entre outras.
Formar parte da Tropa Verde é moi sinxelo. As persoas que queiran participar desta iniciativa teñen que darse de alta como usuarias a través da web www.tropaverde.org ou na páxina de Facebook de Tropa Verde Ames. Unha vez cumprido este trámite pasarán a formar parte desta iniciativa, polo que cada vez que leven os seus residuos ao Punto Limpo do Milladoiro, obterán un cheque cun código que deberán introducir na mesma web. Será entón cando reciban uns puntos, chamados “estrelas”, que poderán trocar por produtos e descontos no comercio e na hostalería local.
Tamén se poden conseguir puntos “estrelas” depositando residuos nos tres Mini-puntos limpos que están situados na avenida da Maía, en Bertamiráns, e na rúa Travesa do Milladoiro. Neste caso hai que sacar unha fotografía depositando ditos residuos nos Mini-puntos limpos de Ames e enviala ás redes sociais da Tropa Verde ou ao enderezo info@tropaverde.org. Nestes pequenos puntos pódense depositar: CDs e DVDs, cartuchos de impresora, teléfonos móbiles e cargadores, aparellos eléctricos e electrónicos, pilas ou bombillas baixo consumo led. Depositando aquí os residuos conséguese un cheque de 30 estrelas.
A terceira opción para conseguir puntos “estrelas” é chamar ao servizo de recollida de voluminosos e enseres a domicilio. Para dispor deste servizo, a cidadanía ten que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40 e deixar o voluminoso que queira reciclar xunto a un colector que estea preto da súa vivenda. Deste xeito, conséguese un cheque de 30 estrelas. Para iso débense deixar os datos cando se chame ao servizo de recollida para facer chegar, vía correo electrónico ou a través do correo postal, o devandito cheque.
Asemade, dende o Concello están estudando novas formas de poder conseguir puntos “estrelas” con outras acción de reciclaxe e tamén ampliar os premios dos que se poderán beneficiar as veciñas e veciños. A web da Tropa Verde irase actualizando segundo se incorporen colaboradores e lugares onde acadar cheques. Todos os establecementos colaboradores están identificados cun adhesivo na porta.